OS AMIGOS DA TERRA

Os nenos e nenas de Infantil tivemos a inmensa sorte de recibir no noso centro a Os Amigos da Terra, unha asociación ecoloxista, que fomenta o respecto cara o medio ambiente dun xeito xusto e solidario. Grazas a eles aprendemos o importante que é a agricultura ecolóxica, sen pesticidas nin fertilizantes químicos, unha agricultura que promove a conservación dos recursos naturais.
Coa súa axuda plantamos as sementes dos chícharos, que fomos coidando cada día, asegurándonos que tiñan auga e luz do sol. Esperamos que vos guste.
¡Unha aperta!

O NOSO PEQUENO MERCADIÑO SOLIDARIO – GOTAS PARA NÍGER

Durante varias semanas levabamos comentando cos pequenos o duro que é vivir sen auga, eles estaban moi concienciados xa que o curso pasado estivemos traballando no proxecto “Pinga a pinga”.
Estivemos todo un ano traballando coa auga pero… a auga non aparece. Está escondida, sen ganas de baixar a enchernos de alegría. As noticias non paran de falar de recortes no suministro, de situación de risco se non chove, do baleiros que están os embalses… e iso que nos somos unha comunidade rica en auga.
Por iso a actividade de hoxe ten máis sentido ca nunca, podemos poñernos na situación daqueles aos que a chuvia non chega durante meses, non teñen embalses, camiñan horas por unha xerra de auga… e, día tras día, a historia volve repetirse.
Por iso queremos dar as grazas a cada un dos participantes que trouxo unha pinga de esperanza en forma de libro e agora, imos trocar as nosas pingas por outras, sabendo que ese intercambio convertirase en chuvia para níger, chuvia que dará esperanza e novos horizontes a outros nen@s, que coma nos neste momento, non paran de ver para o ceo pedidno auga para a vida.
Ánimo e con estas pingas literarias, enchamos de auga de cores a Níger e os nosos redores.

OS WATERS

Boas, os waters tardamos un pouco pero xa estamos aquí. A actividade do mercadiño siolidario deunos moito xogo na clase xa que traballamos moitas cousas do proxecto do curso pasado e que da nome á nosa aula. Queremos compartilo con todos vós, ou polo menos unha parte importante de todo o traballo feito por cada pinga de auga que forman os waters. Saúdos.

OS SÍNEFOS

AQUÍ TENDES UNHA PEQUENA MOSTRA DE TÓDOLO QUE TRABALLAMOS PARA LEVAR A BO PORTO ESTA ACTIVIDADE, APRENDEMOS UNHA CHEA DE COUSAS E DISFRUTAMOS MOITO, PERO QUE MOITO; MIRADE CARIÑAS CON GAÑAS DE COMPARTIR.
O RESULTADO FOI FANTÁSTICO COMO PODEDES VER, E UNHA VEZ MÁIS TAMÉN GRACIAS A VÓS FAMILIAS.

OS EXPLORADORES
Así que………. puxémonos mans á obra e preparamos con esmero o cartel do noso posto do mercado, recollemos os donativos e eleximos un número que nos permitiría colocarnos ordeadamente nunha ringleira para ir trocar o noso vale por un libro. Así foi todo o proceso de preparación e desenvolvemento desta bonita actividade solidaria, á que tamén se uniron outros cursos da escola. Grazas a tod@s pola vosa pequena pero GRAN colaboración co pobo de Níger.

OS COCORICOS

Boas novas! O pasado venres, Os Cocoricos, quixemos formar parte duha grande labor solidaria. A organización dun mercadiño de contos, a través do cal se recadaron fondos para axudar aos nenos e nenas de Níxer, onde a auga é moi escasa. Tal e como podedes observar, non soamente doamos contos para que todos os poidamos comprar, senón que tamén lle axudamos á profe María a elaborar o cartel do mercadiño. Ademais aprendemos o importante que é a auga para os seres vivos e a necesidade de axudar aos que non a teñen. Esperamos que vos guste o noso traballo.

Un saúdo familias!

REMATANDO AS VACACIÓNS E O TEMA DA AUGA

Xa falta pouco para o inicio do novo curso e para novos proxectos e ideas, pero antes, e para rematar  ben o tema da auga aquí vos deixo un vídeo moi chulo que espero que vos guste moito.

DE CONGRESO EN EDUCAPARTY

A semana pasada tivemos a sorte de que nos convidaran ao Congreso Educaparty en Valencia. Igual vistes na tele a todos os frikis cos seus ordenadores no Museo das Ciencias. Dentro dese encontro había un apartado para mestres, onde 300 mestres de toda España compartimos inquedanzas, ponencias, talleres e ideas durante tres días moi intensos.

Foi xenial falar e compartir experiencias con outros mestres aos que lles gustan as novas tecnoloxías e cren que outra educación é posible. Pero, o mellor, foi pasar anaquiños cos frikis dos ordenadores vendo todo o que facían, aínda que diso falareivos máis adiante.

Hoxe quero aproveitar para convidarvos ao OCEANOGRAFIC de Valencia, realmente é unha experiencia incrible. Sei que queda un pouco lonxe, e coma este ano traballamos tanto a auga, deixovos un vídeo con todo o que nos ensinaron. Espero que disfrutedes tanto coma min vendo as morsas xigantes ou as misteriosas belugas.

O NOSO PROXECTO DA AUGA: “PINGA A PINGA”

Despois dun longo ano traballando arredor da auga, eiquí vos deixamos unha pequena mostra dalgunhas das actividades, saídas, experimentos, talleres coas familias,… que fixemos este curso, nos que a auga foi a principal protagonista.

FICHAS DO PRIMEIRO TRIMESTRE: “PINGAS DE AUGA”

Aquí vos deixamos algunhas das fichas do proxecto “pinga a pinga” que fixeron os nenos e nenas do 5º curso de educ. infantil durante o primeiro trimestre.

FICHAS: “OS ESTADOS DA AUGA NOS DIFERENTES CONTORNOS”

Durante o 2º trimestre do curso os nenos e nenas do 5º de educación infantil estiveron traballando arredor da auga doce, o ciclo da auga, e os diferentes estados nos que a podemos atopar no contorno.

Ahí vos deixamos uns exemplos de todo o que traballamos nese trimestre en forma de fichas.

FICHAS DA AUGA SALGADA

Este 3º trimestre estivemos traballando arredor da auga salgada e eiquí vos deixamos algunhas das fichas que fixemos durante esta etapa do curso relacionadas coa lecto-escritura, lóxica-matemática, coñecemento do medio,…

NADARÍN

Este ano, coma os Vincis somos os maiores, foi o noso turno de actuar no Festival de Fin de curso. Aproveitando o tema da auga decidimos representar un conto de peixes, xa que, dende que fomos ao acuario, non paramos de aprender cousas do mar. Lemos o conto na clase e gustounos moito así que puxémonos mans a obra.

Primeiro fixemos un pequeno concurso na clase para escoller a Nadarín, cada un debuxou un peixe e logo votamos para escoller o modelo gañador que fotocopiamos e picamos para levar o día da obra. Despois fixemos en cartón as siluetas das personaxes e tivemos que pintar de negro o reverso para que non se vira o día da actuación. Unha vez seco, tocou cubrir con papel fluorescente o frontal.

Para evitar os nervos do directo, grabamos o conto no ordenador en pequenos grupos e despois fixemos unha montaxe con música e as voces dos Vincis.

Xa so quedaba ensaiar, claro que a profe estivo indisposta e quedáronnos tres días para preparar a obra. Coma os Vincis son uns fenómenos, aprenderon enseguida o que tiñan que facer. O último día trouxenos a luz negra e fixemos un ensaio xeral. Xa estaba listo!!!

Iso si, temos que dar as grazas ao profe Miguel de músicas cativas que nos fixo a montaxe musical, nos ensinou a técnica e prestounos a luz negra. A profe Isa de música que tamén nos deixou dúas lámpadas de luz negra, a Luisa que tivo que limpar todo o que deixamos pintado de negro, que non foi pouco, a profe Lucía que nos axudou a montar toda a escenografía, a profe Amparo por cedernos a hora de psicomotricidade para ensaiar e,  por suposto, a todos os que viñestes a disfrutar da nosa presentación.

Creo que o vídeo fala por si mesmo. Non podería estar máis orgullosa destes artistas.

VISITA A GRANXA ESCOLA FERVENZA DO TOXA

Este luns, os Vincis, non foron a Indiana Bill, pero non quedaron tristes porque tiñamos outra visita programada dentro do proxecto Agrupacións Escolares, fomos a unha granxa escola.
O viaxe foi longo pero valeu a pena, cando chegamos había unha chea de monitores esperando por nos. Déronnos auga e a algo de comer e logo comezamos a nosa expedición.
Primeiro fomos a un muíño, a monitora alucinou porque sabiamos unha chea de cousas. Despois fixemos un percorrido polo río recollendo follas e aprendendo que é un sabugueiro, un amieiro, un carballo… e que utilidades lle dan ao río. Tamén que animais viven alí e porque.
Tanta visita deunos unha fame negra e comemos todo o spaguetti e croquetas que nos puseron. Despois de comer foi  tempo de xogar.
A tarde foi igual ou máis interesante que a mañá. Primeiro aprendemos moitísimas cousas sobre as charcas e vimos unha chea de animaliños que están alí aínda que a simple vista non se vexan.
Despois vimos un ciclo da auga caseiro e, antes de marchar, fixemos un taller coas follas que recollemos pola mañá.
En fin, xa vedes que non tivemos tempo de aburrirnos.
As monitoras quedaron encantadas co bo comportamento dos nen@s e con todo o que sabían. Acostumados a recibir a coles déronnos a noraboa por ter uns grupos tan bos. Así que, unha vez, ole polos Vincis e polo Manantial de 4º A porque da gusto ir con eles a calquera lugar.

Algúns Vincis crian que iamos ir a Fervenza pero non está moi accesible para ir en grupo, iso si, agora que ven o verán podedes achegarvos un día a Bandeira, en Silleda e disfrutar coas vistas da fervenza máis alta de Galicia.

FACENDO MÚSICA COA AUGA

Os exploradores cando investigaran se a auga soaba fixeran un xilófono acuático de cores, descubriran así que a auga non soa, soamente se a facemos vibrar, é dicir, se a movemos.

Nesta ocasión a profe de Isabel levóunos na clase de música a facer diferentes sons coa auga nunha divertida piscina e con recursos tan sinxelos como as nosas mans, botellas de plástico,… Despois de manipular e xogar coa auga e o ritmo saímos ao patio para recoller pedriñas coas que faremos un mar dentro dunha botella. Non o credes!!!!…… pois estade moi atentos a este vídeo, ao final pechade os ollos e abride ben as orellas seguro que a profe Isabel e os exploradores conseguen que vos bañedes nas fermosas ondas deste mar tan especial.

OS VINCIS VISITAN O BARCO “NEW POLAR” EN PESCANOVA

Os Vincis esta semana tiveron unha saída moi especial, grazas a nai de Lucas C., viron de preto un barco enorme chamado “New Polar”, que estaba estes días en Pescanova. Foi una visita fantástica!!!!

Os Vincis estaban abraiados do grande que era, por fóra e por dentro. O que máis lles gustou foi vestirse como uns verdadeiros mariñeiros ou sentarse na cadeira do capitán. Alí, tamén, poideron ver e descubrir un montón de cousas moi mariñeiras grazas as explicacións dos encargados da visita.

Cando rematou a visita recibiron uns bonitos agasallos de recordo dunha visita tan espectacular.

RESPONDENDO ÁS PREGUNTAS DE MARGARIDA

Levamos varias semanas participando no concurso da escola que nos propuxo Margarida dende a biblioteca, “Margarida quere saber”

O concurso consiste no seguinte: ela fainos preguntas relacionadas co proxecto da auga, “Pinga pinga”, algunhas teñen que ver con temas que xa vimos ao longo do curso e outras son novas. Temos que investigar buscando nos libros da biblio ou utilizando as novas tecnoloxías para responder as dúbidas da nosa amiga. Tamén utilizamos os correos electrónicos para mandarlle as respostas. Todo isto lévanos algunhas sesións porque este ano como somos tan maiores xa son os propios exploradores os que contestan a Margarida.

Ahí deixámosvos uns retazos desa intensa investigación.

DESCUBRINDO O FONDO MARIÑO

Esta semana, os exploradores estivemos descubrindo moitas cousas do fondo mariño con diferentes bits. Comparamos algunhas das fotografías con elementos que tiñamos na clase e que teñen nomes iguais aos dos seres vivos que podemos atopar nas profundidades mariñas, como por exemplo cando atopamos esponxas do recanto da auga e descubrimos que son moi parecidas ás mariñas. Poidemos manipular e descubrir moitas sensacións ao tocar unha estrela de mar coas nosas propias mans.

Con cada fotografía tamén tentamos escribir os seus nomes, ordeando as letras pouco a pouco entre todos os compañeir@s.

Así foi unha sesión tan mariña…

CATRO VELLOS MARIÑEIROS, A NOSA CANCIÓN MARIÑEIRA

Aquí vos deixamos a actuación estelar dos peques re Reboreda o día das letras galegas no seu primeiro certame de canción mariñeira.

Previous Older Entries

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.