Archivo mensual: junio 2011

Levamos todo o ano mercando no super da clase e, coma vistes ao longo deste meses, fixemos unha chea de avances e aprendemos moitísimas cousas. Non podía haber mellor final para este proxecto que ir ao supermercado de verdade e facernos responsables de mercar a comida para a festa de fin de curso.

Esta era unha gran responsabilidade, tiñamos que pensar ben que iamos mercar, tiña que chegar para os 90 nen@s de educación infantil así que cada parella fixo unha lista de 3 cousas. Logo puxémolas en común e vimos que era o que máis se repetía. Así que refixemos a nosa lista para ir mercar.

Sorprendentemente, os Vincis colleron unha merenda con froita, empanada, galletas e chupinadas, todo moi variado.

Coa lista feita puxémonos en camiño agarrados da nosa parella, bolsa e monedeiro en man. Chegamos ao super e coa lista , collemos unha cesta e fomos polos corredores collendo o que nos facía falla. Tivemos axuda da profe Lucía e de Luisa para coller as cousas altas ou para aclarar algún prezo pero polo resto fixémolo todo sos.

Cando xa tiñamos todo mercado foi hora de pagar e todos tiñan as contas perfectas porque a ninguén lles faltou diñeiro.  Coma cada parella levala 6 euros, ao rematar a lista, se lles sobraba podían mercar o que quixeran, así que houbo parellas que foron polo barato e levaron o cesto cheo e outros que non quixeron renunciar as súas marcas favoritas para cubrir a lista e compraron so o que tiñan na lista.  Uns e outros portáronse xenial e mercaron estupendamente.

NORABOA VINCIS, SODES UNS CAMPEÓNS!!!

Anuncios

Maña ás 10 da mañá no cole de Reboreda teremos unha reunión coas familias do alumnado de tres anos para falar un pouco de como funciona o noso cole e darvos algunhas indicacións para o verán.

Aquí tedes a guía que imos entregar por se non podedes asistir ou queredes irlle botando un ollo. So tedes que clicar na imaxe.


A profe Susana comparte connosco esta nova actividade LIM para practicar as letras xunto as personaxes de disney. Esperamos que vos guste. Os Vincis podedes ler os enunciados sos para saber que hai que facer, os máis peques igual necesitades axuda para xogar.

Clicade na imaxe e pasádeo ben.


Os exploradores están moi triste porque para o ano que ven seremos un explorador menos. O ano pasado eramos 19 e este curso tivemos unha incorporación nova con Aitana pero agora Rafael vai a deixar un oco moi grande, xa que era unha parte moi importante dos exploradores. Lucas, Antón, Jorge, Lois, Uxía, Sheyla,… vanno a botar moitísimo de menos nos seus xogos de patio, nas tertulias de mesa, nas asembleas,… aínda que ás veces non chegasen a un acordo e tivesen as súas diferenzas pero aos cinco minutos xa volvían a ser inseparables.

Rafa, botarémoste moitísimo de menos, sempre serás o noso gran e inolvidable explorador!!!

E así foi a nosa despedida…


Todo o bo remata e, despois de tres anos xuntos, chegou o momento de deixar voar aos Vincis e que vivan novas aventuras noutras mans. É emocionante ver coma evolucionaron neste tempo e, aínda que o corazón está encollido porque encantaríame poder retelos así durante moito tempo, tamén estou contenta por todo o vivido e porque estou segura que lles vai ir moi ben na nova etapa que comeza.
O día da graduación foi un día moi bonito, onde familia e escola démonos a man e compartimos algúns dos mellores momentos dos Vincis.
Aquí vos deixo un vídeo da entrega de diplomas.
GRAZAS POR ESTES TRES ANOS, POR CADA RISA, POR CADA PALABRA, POR TODAS E CADA UNHA DAS VOSAS MIRADAS, POLOS BICOS E ABRAZOS, POLAS PROTESTAS, POLOS CENTOS DE PREGUNTAS, POLA ILUSIÓN INFINITA, POR TODO O QUE ME ENSINANTES, POR DARME A  OPORTUNIDADE DE VERVOS MEDRAR E MEDRAR CONVOSCO, GRAZAS, GRAZAS E MIL GRAZAS POR TODO.

AÍNDA QUE XA NON SEXA A VOSA MESTRA SEGUIREIVOS A PISTA E, NON ESQUEZADES QUE SEGUIMOS AQUÍ NESTE RECUNCHIÑO DA REDE, ONDE SEMPRE HABERÁ OCO PARA OS VINCIS!!!


Xa chegou o final do curso e como sempre para celebralo por todo o alto argallamos a gran festa dos cumpreañeiros de xuño, xullo e agosto. E claro nunha ocasión tan especial non preparamos ningunha receita sinxela, como todo fin de festa manda fixemos unha excepción coas chuches e lambetadas.

Os vincis foron os encargados de facer a compra no super porque xa son todos uns expertos no tema, levan todo o curso facendo a compra da merenda unha vez por semana e claro………. confiamos no seu bo criterio. E a verdade… sorprendéronnos moito coa súa compra, trouxeron: froita, empanadas e lambetadas varias. Son xeniais!!!

Ahí deixamos unhas mostras do ben que resultou todo apesar de non poder disfrutar da festa da auga, noutra ocasión será.

Para os Vincis tamén foi unha festa coas que da gusto rematar unha etapa. Tivemos de todo, pelí para empezar o día, merendola por todo o alto e, como non, unha boa sesión de baile coa profe Rosa facendo de DJ. Foi unha mañá moi entretida onde todos o pasamos xenial.


Nestes últimos días do curso recibimos moitas fotos destes aventureiros exploradores. Lucía C.A. e Anxo levaban semanas esperando ver as súas fotos no zoo de Madrid e claro cando recibiron o e-mail non poideron disimular os nervos, xa chegou a hora de falar ante un público tan esixente e interesado, facendo miles de preguntas e dubidando das nosas explicacións, pero… Anxo e Lucía non se amedrentaron souberon responder moi ben todas as súas demandas. Mirade, mirade o ben que o fixeron………………… E que traballar en parella é moito máis divertido.

Se este curso non podeimos amosar as vosas fotos non vos preocupedes porque durante o verán a profe irá preparándoas para cando chegue setembro xa poidamos comentalas. Por iso……… se queredes no verán podedes seguir mandando fotos e facendo divertidas escapadiñas porque no seguinte curso seguiremos traballando con este recurso tan motivador e tan enriquecedor.

Moitas grazas de novo familias pola vosa sempre especial colaboración. Bo verán!!!



A %d blogueros les gusta esto: