Archivo mensual: noviembre 2016

Os choquetes tamén visitaron a batcova. Levaron o seu baúl cheo de cousiñas dos superhéroes, capas, bonecos, escudos, linternas, puzles, contos, máscaras,… algunhas estaban nas nosas casas e outras foron feitas polas familias. Como é un recuncho moi pequerrecho e os choquetes son tantos imos ir pasando pola batcova por grupiños pequenos. Mirade que ben o pasamos transformándonos en divertidos superheroes!


Aproveitando o tema dos superheroes o equipo de Infantil pensamos en crear un recuncho de xogo relacionado co proxecto onde puideramos xogar todos. O mellor sitio que atopamos foi a entrada da biblio así que cos cartóns que nos trouxo a mamá de Carla e Ainoa, o inxenio e boa man da profe Rosa e de Tere a xefa de estudos e, por suposto, a colaboración das familias dos Apolos que nos mandaron unha chea de cousas para xogar inaguramos este recuncho.
Fixemos dous equipos para non amontoarnos e fomos xogar. Aproveitamos para poñer as capas, completamos o traxe cos antifaces, coloreamos os libros de Lady Bug, xogamos co martelo de Thor, usamos os brazaletes e espadas, xogamos coas cartas dos superheroes, tentamos facer puzles, puxemos sellos de Spiderman… En fin, un non parar!!

QUERO DARVOS SINCERAMENTE AS GRAZAS A TODAS AS FAMILIAS POLA VOSA COLABORACIÓN, SEN VOS NON SERÍA POSIBLE. SODES FANTÁSTICOS!!!


Chegou o robot solar e na hora dos recunchos chegaron os primeiros equipos con ganas de construilo.
O primeiro equipo tivo que desmoldar todas as pezas, cousa que nos levou bastante tempo, aproveitamos para organizalas por cores para que  fosen máis sinxelas de buscar. E, traballa que traballa,  nesta primeira semana fomos capaces de facer a cabeza e o corpo.
A min déixanme coa boca aberta!!!


A semana pasada vimos coma os Apolos aproveitaban o recuncho do ordenador para facer linguaxe computacional. Para xogar temos un usuario o que nos permite que cada vez que imos xogar poidamos quedar dende o deixamos a última vez. Cada fase é máis complexa e hai que ir buscando novas solucións. Aquí tedes a un dos equipos máis avanzados poñendo todos os seus coñecementos a traballar.
Mirade que concentrados e que contentos están cando o conseguen.


Cada semana e cando  o tempo nos deixa, os choquetes imos por grupiños a coidar da nosa horta. Nesta ocasión decidimos plantar dentro do invernadoiro porque non sabemos que pasou pero os bichiños deixáronnos sen verdura. Fai unhas semanas que visitamos a horta por primeira vez e plantamos verdura, allos e… aos poucos días non había nin rastro da verdura, polo que nesta ocasión cambiamos de estratexia. Plantamos dentro do invernadoiro a ver así os bichiños non dan con ela. Mirade que ben traballan estes pequenos agricultores nos seus primeiros días na horta!


A semana pasada os Apolos e os Xirasois volvemos plantar coles na horta porque as das dúas veces anteriores deu boa conta delas unha eiruga comechona que temos na horta.
Esta vez decidimos plantalas no invernadoiro a ver se hai máis sorte.
Ademais limpamos os allos que eses, afortunadamente, si que seguen en pé.


Xa temos o escornabot montado e mentres programo o arduino puxémonos mans a obra con outro “xoguetiño” que nos acaba de chegar da China. Trátase dun robot que anda con enerxía solar pero… Mellor que volo conten os Apolos

Aquí tedes as múltiples opcións que nos brinda este robot. A ver se o damos montado!!!



A %d blogueros les gusta esto: