Apolos e eu estamos aprendendo ao mesmo  tempo porque ata este verán non sabía nada dos robots. Vendo que cada día estaban máis interesados e motivados, pescudei na rede e o seguinte paso na robótica é traballar a linguaxe computacional. Esta é a linguaxe de codificación dos videoxogos e dos robots. Aprender a codificar é coma ensinar a un extraterrestre que non sabe nada da terra a facer cousas cotiás coma ir a pasear o can, teriamos que dividir as accións para facer isto dende a primeira e máis sinxela coma identificar o can, ata chegar a  última acción que sería parar nun sitio determinado e esperar a que can faga o que teña que facer. Non sei se o exemplo vos da unha idea, pero, digamos que cando facemos linguaxe computacional creamos dende cero polo tanto temos que ir unindo accións e facendo bloques con elas para que logo o robot ou o videoxogo faga o que queremos.

Busca que busca atopei a páxina code.org. Nesta páxina hai actividades para introducir aos nenos, dende infantil, na linguaxe computacional.
Na clase estamos combinando o recuncho dos robots co recuncho do ordenador. Cando van a este último facemos linguaxe computacional para ir entendendo coma funcionará o robot.

Aquí vos deixo unha sesión de Teo e Carla onde van probando ata atopar solucións. O xogo ao principio é moi sinxelo pero logo vaise complicando. Da gusto velos pensar e debater para resolver os problemas. Parece que xogan pero están aprendendo.
Non vos perdades a satisfacción de Carla cada vez que consegue superar un dos retos.

Anuncios