Archivo del Autor: nivecaro

Os Apolos xa son maiores. Están feitos un superheroes capaces de salvar calquera dificultade, sabendo que individualmente son bos pero en equipo son invencibles. Uns superheroes co poder da alegría, da ilusión, da tenacidade, da búsqueda incansable, da risa, do xogo e dos soños.

 

E para chegar aquí tiveron que pasar tres anos moi intensos. Tres anos onde os proxectos nos levaron a facer investigacións, a explorar, a preguntar, a buscar axuda nos especialistas, a acertar, a equivocarnos, a rir, a chorar, a traballar e xogar… A MEDRAR!

E chegou á hora de graduarnos. Seguramente podíase facer mellor pero os Apolos fixéronno perfecto, espontáneos, axudándose os uns aos outros, equivocándose, rindo, sendo felices!

Antes de saír da clase falamos do que ía a pasar e decidimos que o único e máis importante de todo era: PASALO BEN!  (e creo que as imaxes falan por si mesmas)

 


Rematamos esta serie de artigos que tiña pendentes coa visita da maleta a casa de Anxo. Saiu do cole moi contento coa súa maleta e volveu ao cole cargado cun robot feito con material de refugallo que é moi veloz.
Aquí o tedes!

https://youtu.be/Okx5VnlQyh0


A maleta pasou uns días en Aldeas Infantís. Manu estaba tan emocionado que houbo que sacarlle a maleta de cando en cando para poder seguir coa rutina diaria.
Manu pasouno moi ben e xunto a Ana fixeron un robot moi orixinal. Mirade!!!


A finais de maio fixemos a premier da nosa curta de animación. Este ano traballamos arreo nesta presentación e pagou a pena porque, unha vez máis, a resposta das familias foi fantástica.
Fixemos 100 entradas e case esgotamos todas e iso, tanto para a profe Rosa, a profe Amparo coma para min foi o verdadeiro premio.
O martes cando rematamos toda a posta en escea e quedamos soas,  estabamos contentísimas por ter a escola chea, polo contentos e orgullosos que estaban os Choquetes e os Apolos e polo ben que saíra todo.
Aquí vos deixamos un resumo de coma o fixemos.


E agora, aproveitade e buscádevos no Photocall.

GRAZAS UNHA VEZ MÁIS POR ACOMPAÑARNOS E FACER GRANDES AS COUSAS PEQUENAS!!!


A nosa maleta dos robots segue de viaxe por Reboreda e nesta ocasión pasou uns días na casa de Daniela. Alí, ademais de xogar con todo, Daniela e a súa mamá romperon moito a cabeza para poder facer un robot. E despois de varios intentos fixeron unha araña moi simpática!!!


Seguimos co proxecto dos superheroes cercanos e nesta ocasión o papá de Alba foi o que nos quixo amosar os seus superpoderes. Fernando e Marcia viñeron buscarnos co coche para poder chegar sen problemas a súa empresa (tamén nos axudou Lula, a que lle damos dende aquí as grazas) e unha vez alí comezamos a visita.
Fernando traballa en Plastic Omnium, empresa de compoñentes plásticos que elabora os parachoques e portóns traseiros dos coches.
Estivemos na sala de xuntas vendo un vídeo e tocando o diferente material co que traballan. Despois fixemos unha visita guiada por algunhas zonas seguras da fábrica, iso si, moi ben uniformados e vimos o seu sistema de robótica.
Por razóns de confidencialidade non temos fotos pero aquí vos deixo un resumo da visita contado polos Apolos.

MOITÍSIMAS GRAZAS A FERNANDO E TODOS OS SEUS COMPAÑEIROS DE TRABALLO PORQUE NOS TRATARON FENOMENAL.

TAMÉN A MARCIA, A MAMÁ DE ALBA, QUE NOS TRANSPORTOU E ACOMPAÑOU DURANTE TODA A VISITA.


O curso está chegando ao seu fin e o outro día os Vincis, que xa están en 6º (coma pasa o tempo) convidáronnos a ir con eles así que alá marchamos.

Fomos andando ata o Muiño do Xistra, moi preto do cole. É  tranquilo, un campeiro verde por onde pasa o río e nun lugar tan sinxelo pasamos un día fantástico.

Os maiores xogaron cos pequenos a carretilla, a carreiras a escarrancha pernas, a tirarse a rebolos, intercambiaron confidencias, xogaron a pita, viron rás… E, despois da merenda, un merecido baño.

Ás veces as cousas máis sinxelas convértense nos mellores días porque de seguro que os nen@s non van recordar o día que aprenderon a sumar ou calquera outra cousa, o que recordarán son estes momentos lúdicos onde, entre xogos, aprendemos a respetar o medio, a compartir, a escoitar, a ver fauna e flora no medio natural…

Teño que dar as grazas a profe Luisa e aos Vincis por convidarnos. Ter a estas dúas xeracións que consideron miñas e poder compartir unha mañá xuntos foi precioso e moi emocionante. Velos conquistando illas, viaxando en barcos piratas, cabalgando en cabalos fantásticos, soñando, rindo, divertíndose…FOI SENSACIONAL!